terça-feira, 16 de novembro de 2010

Clasificacións tras a 1ª xornada

Clasificación individual:

Xan (Bateas) 10 puntos
Lois (Filloas de Sangue) 8 puntos

Serxio (Xarutos) 6 puntos
Lois (Bateas) 6 puntos

Carola (Filloas de Sangue) 4 puntos
Cristian (Xarutos) 4 puntos
Roi (Filloas de Sangue) 4 puntos
David (Filloas de Sangue) 4 puntos

Anxo (Taravelas) 2 puntos

Jorge (Taravelas) 1 punto
Leti (Xarutos) 1 punto
Marica (Taravelas) 1 punto
Xose (Filloas de Sangue) 1 punto


Clasificación por equipas:


Ao ser tan só dous palanadores, os Bateas non foron capaces de impoñerse na clasificación por equipas, comandada polos Filloas de Sangue, beneficiados pola asistencia de cinco dos seus palanadores.

Filloas de Sangue 20 puntos
Bateas 16 puntos
Xarutos 13 puntos
Taravelas 4 puntos


Clasificación feminina:

A debutante Carola conseguiu chegar a 1/4, sumando así 4 puntos para os Filloas de Sangue e sitúandose como líder indiscutíbel desta clasificación, fronte a Leti e a Marica que non foron quen de pasar da fase de grupos.

Carola (Filloas de Sangue) 4 puntos
Leti (Xarutos) 1 punto
Marica (Taravelas) 1 punto

segunda-feira, 15 de novembro de 2010

Xan dos Bateas faise co 1º aberto da temporada!

Chegar e encher. Así se chama o que a equipa dos Bateas fixo onte no parque coruñés da Santa Margarida.
Sobre as 12 da mañán os palanadores do NorOeste foron chegando ao auditorio do parque, escollido para ser o lugar no que se disputaría o 1º aberto desta nova edición da liga da Conferencia NorOeste. Foi unha mañá de chuvia, que por sorte cesou cando ía comezar o aberto e permitiu que se desputase sen problemas, aínda que esa foi unha das causas de que a asistencia de palanadores á primeira xornada fora inferior ao esperado.

Cando a chuvia ía a menos, sobre as 12:30 h, deuse comezo ao aberto. O sistema foi o dunha fase de grupos da que saíron 8 clasificados que se emparellaron en 1/4 de final. Segundo se disputaba esta fase de grupos a chuvia deixou de caer, mais a pista aínda estaba moi mollada, polo que os palanadores decidiron non utilizar aínda as billardas de seco.
Sete xogadores clasificáronse de forma directa para esa ronda, mentres que Carola e Anxo, terceiros dos seus grupos, tiveron que ir á repesca. Tras unha dura loita, Carola, nova adquisición dos Filloas de Sangue e unha das revelacións da xornada, conseguiu deixar fóra da pelexa polo aberto a un billardeiro experimentado como Anxo, dos Taravelas. Mención especial merece Cristian, o xoven palanador dos Xarutos, que pasou a 1/4 como primeiro do seu grupo.
A pista secaba, e os dous Bateas asistentes, Xan Rodiño e Lois, comezaban a amosar por que están ben situados nas clasificacións de todas as conferencias da LNB. O segundo deixou fóra a Roi, vixente campión da nosa conferencia, mentres que o primeiro eliminou a Davide, tamén dos filloas, despois de varios desempates.
Os outros dous clasificados para semifinais foron Lois Fontán, dos Filloas, e Serxio, dos Xarutos, que deixaron fóra a Cristian e a Carola, respectivamente.
Así chegou a penúltima ronda, as semifinais, onde os emparellamentos enfrontaron a Xan Rodiño e a Lois, os dous dos Bateas, nunha loita fratricida polo título. Mentres, na outra semifinal pelexaban dous vellos coñecidos, Lois Fontán e Serxio. Xan Rodiño e Lois Fontán desfixéronse dos seus adversarios e enfrontáronse nunha final épica na que o xogador dos Bateas se fixo coa vitoria.
Dúas instantáneas tiradas polos nosos fotógrafos amosan a calidade destes dous finalistas, que lle brindaron ao público asistente golpes tan excepcionais como estes:

Lois Fontán, unha das estrelas dos vixentes campións Filloas de Sangue, suspéndese no aire para realizar un golpe maxistral.

Xan, dos Bateas, golpexa con rabia a billarda conseguindo así a vitoria neste 1º aberto da liga.

Os finalistas felicítanse deportivamente tras a desputa da final.
Por outra banda, temos que falar do concurso paralelo ao aberto que se realizou no día de onte patrocinado por Gz en Varados, programa de Tele-Varal conducido polos dous asistentes pertencentes á franquicia dos Bateas. Consistía en adiviñar o número de varados que se ían conseguir ao longo do aberto. Xan Rodiño, vendo as dificultades que presentaba a pista en cuestión, afirmou que non se ía conseguir ningún, e iso foi o que ocorreu, aínda que moitos golpes directos quedaron ás portas ou incluso foron rexeitados polos paus do varal.
Polo tanto, Xan foi dobremente campión na xornada de onte, aínda que amosando a súa deportividade e xenerosidade decidiu que o premio do concurso, unha botella de Carolines, quedase en mans dos organizadores da Conferencia NorOeste para futuras ocasións. Non temos máis que darlles as grazas polo seu xesto desinteresado. Iso si, hai quen di que os palanadores do NorOeste, coñecidos pola súa hospitalidade, non quixeron ser menos, e decidiron non facer ningún varado nin tampouco eliminar aos Bateas ao longo do aberto, agradecéndolles desa forma a súa visita á cidade coruñesa.
"É que son bos rapaces", escoitóuselle dicir a certo billardeiro do NorOeste nese entorno máxico de Santa Margarida.

sábado, 13 de novembro de 2010

I Aberto de Santa Margarida!

Palanadoras, palanadores todos, quedan xa menos de 72 horas para o inicio da IV Liga do NorOeste! Os rudos billardeir@s atlánticos chegan a esta cita histórica cargados de lume nas olladas e coa raiba batendo ben forte no peito debido aos últimos acontecementos que están a axitar o Sáhara, onde o terrorismo de Estado de Marrocos pretende calar a historia. Desde aquí amosamos a nosa máis forte repulsa ante estes feitos, e apoiamos o movemento de liberación desa flor queimada polo sol á que lle cantaban os Tamara a través da voz do crooner coruñés Pucho Boedo, orgullo de todos nós.

E para comezar esta nova edición da nosa liga, o lugar escollido, tras duras negociacións con outras posíbeis sedes, será o do auditorio de Santa Margarida, seguramente xa coñecido por todos vós, ás 12:00 h do domingo 14 de novembro. E é que aínda que este sexa o I Aberto de Santa Margarida incluído no calendario da nosa liga, xa se realizaron outros tres abertos independentes (dous deles para celebrar o Día das Letras) con grande éxito.
Alí foi onde se realizou tamén un adestramento-aberto preparatorio o fin de semana pasado, e dispoñemos dalgún material dese mesmo día que aquí poñemos á vosa disposición.









Atención, porque novas incorporacións de todas as idades, todas elas xa con experiencia, estiveron este domingo afacéndose ao terreo e chegan coa intención de ser a revelación deste novo curso billardeiro.
Cremos por isto que era case unha cuestión de xustiza que este lugar fose o escollido para dar a saída desta nova temporada, mais que a xente de Labañou, así como do resto dos barrios koruñentos, non desespere, xa que a serpe multicolor da LNB irase desprazando por todos eles, ademais de estabelecer campamento noutros concellos do NorOeste galego que xa figuran na nosa axenda.
Aínda non subiches ao barco atlántico da LNB-NorOeste? Esperámoste este domingo ás 12h no parque coruñés de Santa Margarida!
Nestes días nos que os galegos todos celebramos os magostos e o San Martiño, palanadores do NorOeste, collede a billarda polo fuciño!


E-mail da Conferencia NorOeste:
lnbnoroeste@gmail.com

Teléfonos de contacto:
- 679908773 (David Fontán)
- 658847377 (Roi Moris)